Friday 19 de April de 2024

Arranca en Fene a segunda semana do campamento “Dálle ao play”


O Concello de Fene e o CMI Unidade colaboran organizando durante a primeira quincena de agosto o campamento lúdico e deportivo “Dálle ao play”. Trátase dunha iniciativa inclusiva para rapazada de 5 a 12 anos que se desenvolve nas instalacións da entidade en horario de 10 a 14.00h.

A cativería brinca e aprende a través dunha chea de xogos cooperativos que aproveitan todas as posibilidades dos distintos espazos do Círculo Mercantil e Industrial, sobre todo a piscina agora que por fin chegou o bo tempo.

Nas actividades, que finalizan este venres, apuntáronse unha trintena de nenas e nenos.

Ximnasia de mantemento en San Valentín
Por outra banda, a Concellaría de Cultura e Deportes continúa ata finais de mes coas sesións de ximnasia de mantemento ao aire libre que teñen lugar na parte traseira do Pavillón da Xunqueira (San Valentín) os luns, mércores e venres de 10.00 a 11.00h. Son clases totalmente gratuítas que non requiren inscrición previa, abonda con andar por alí antes do comezo e levar roupa e calzado axeitados para un exercicio moderado que se traslada ao interior do pavillón no caso de que a mañá ameace auga.